Sunday 07 de July de 2024

Un ano de caos e desgoberno en Culleredo: un ano tirado ao lixo


A falta de vontade de traballo evidénciase na deficiente prestación de servizos e na absoluta desatención das necesidades veciñais.

O goberno municipal segue sen presentar uns orzamentos para 2024, nos que acumula 6 meses de retraso.

Nin temas cruciais para o futuro de Culleredo como a afectación do aeroporto ou o PXOM reciben a máis minima implicación do goberno.

O actual goberno municipal de Culleredo botou a andaro hai un ano tras as eleccións que recortaron drasticamente a confianza popular en Rioboo, deixando o seu goberno en minoría. O BNG propuxo daquela as súas “50 medidas para os primeiros 100 días de goberno”, unha lista concreta e directa de tarefas imprescindibles para cumprir coa veciñanza desde a institución local.

Lonxe de ter cumprido coas súas promesas nin atendido ás propostas do BNG, o desgoberno e o caos no goberno municipal foron escalando co paso dos meses. O mandato municipal foi inaugurado co reparto de salarios e dedicacións pactado entre o PSOE de Rioboo e o PP. Dende a aprobación, nunca houbo unha oposición real do PP de Culleredo ao goberno de Rioboo.

Por outra banda, os éxitos do BNG non agardaron e, aínda no primeiro verán, conseguíuse a declaración de ARI —Área de Rehabilitación Integral— para a Fonte da Balsa. Isto foi o primeiro paso e imprescindible para acceder a financiación europea e autonómica para a renovación da urbanización. Tamén son tantos a favor do BNG a presentación de recurso contencioso-administrativo contra a “pegada sonora” do aeroporto e a favor dos dereitos da veciñanza; que se proceda á selección de novos axentes de Policía Local a través da Axencia Galega de Seguridade Pública; ou a revisión de prezos das ensinanzas musicais.

O desgoberno do último ano foi especialmente notable na área de Persoal, e a concelleira responsable foi reprobada en pleno, aínda que continúa no cargo. A falta de profesorado no Conservatorio, a falta de persoal na administración municipal, a denuncia dos aspirantes a Policía Local por irregularidades na oposición, ou a sentenza contra o concello que revoga a sanción exprés a un funcionario foron só algúns exemplos da falta de rumbo político e a total ausencia de vontade de traballo.

Mais non queda aí. Levamos meses e seguimos pagando as consecuencias das chapuzas na contratación dos servizos de limpeza. Tras máis dunha década co contrato de limpeza finalizado e prorrogado irregularmente, a empresa concesionaria do servizo comezou a deixar de pagar as persoas traballadoras ou facelo tarde. Despois de meses de protestas do persoal, o concello iniciou o proceso para a publiación dos pregos de contratación para o novo servizo, tal e como viña reclamando o BNG durante anos. A actual concesionaria acaba declarando o ERTE total e a situación acaba en emerxencia sanitaria que o goberno de Rioboo parece incapaz de controlar.

A área de obras tamén acumula problemas como as obras inacabadas nas estradas de Liñares e Orro —a cal leva prorrogándose ao longo de anos—, obras da Deputación, onde Rioboo non é quen de defender os intereses de Culleredo a pesar de exercer como Deputado Provincial; ou a escandalosa reforma da Praza de Galiza, no Burgo. Unha sentenza obrigou ao concello a facerse cargo dos defectos de obra que causaron desperfectos a propietarios e vehículos no garaxe, pero lonxe de solucionarse os problemas, a veciñanza denuncia que continúan as filtracións e as pingueiras no interior.

Por outra banda, o aeroporto é sempre omnipresente e AENA vén de publicar o seu documento de afectación sonora, a “pegada sonora”, que afecta a miles de persoas e propiedades no concello. O BNG tivo que insistir sen descanso para que a veciñanza recibise información e os seus intereses foran defendidos pola institución que os representa.

Por último, os orzamentos municipais para este exercicio nin están nin se lles espera. O goberno de Rioboo nin deu señas de comezar a redacción do proxecto nin puxo o máis mínimo interese en dialogar coa oposición ou cos grupos e asociacións veciñais para ver de coñecer as necesidades da poboación. A soberbia é tal que parece que o concello se goberne a base de reclamacións e condenas.